A USC desenvolve un ciclo de relatorios sobre educación en feminino
A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC acolle do 23 ao 27 de novembro o ciclo de conferencias Ciencia, innovación e educación en feminino, un programa de divulgación impulsado desde a Comisión de Igualdade de Xénero do centro universitario lugués e incluído no programa de formación complementaria do Campus Terra 2023.
O programa destas xornadas, de acceso libre e de balde previa inscrición en liña, comeza o xoves 23, a partir das 10.00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias, co relatorio Somos o que comemos, pero tamén o que comen as nosas bacterias, a cargo da investigadora do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA-CSIC) María Carmen Collado Amores.
A investigadora e profesora asociada no Centro de Enxeñaría Biolóxica da Universidade de Minho (Braga) Joana Azeredo dará continuidade a este ciclo o venres 24, ás 10.00 horas, coa charla Bacteriógrafos como unha nova ferramenta biotecnolóxica. A tamén docente e investigadora na Universidade Católica de Ávila Rosario Pastor Martín, pechará o luns 27, tamén ás 10.00 horas, o ciclo coa conferencia A dieta como ferramenta do sistema nacional de saúde.