A USC exporta iniciativas innovadoras contra os incendios forestais

LugoXa
A USC exporta iniciativas innovadoras contra os incendios forestais a través do proxecto ‘Plantando cara ao lume’
lume incendio forestal usc estudo
5 Xuño 2023

O proxecto de aprendizaxe e servizo coordinado desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra e no que participan 15 centros universitarios de toda España, promove unha relación sustentable entre a cidadanía e os lumes forestais a través da celebración de charlas, rutas por áreas asoladas polas lapas e ferramentas tecnolóxicas innovadoras.

Charlas divulgativas, rutas educativas sobre terreo queimado, desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas ou o apoio a comunidades de montes son algunhas das actividades que o proxecto de aprendizaxe e servizo Plantando cara ao lume, unha iniciativa liderada desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e no que participan 15 centros universitarios de toda España, pon en marcha esta co obxectivo de promover unha relación sustentable entre cidadanía e incendios forestais.

O programa, coordinado polo catedrático da USC Agustín Merino García e que conta con financiamento da Fundación Español para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), aposta polo método educativo para poñer contacto a estudantes con membros das comunidades afectadas e outros axentes vinculados ao fenómeno dos incendios. O obxectivo pasa por comprender a problemática sobre o terreo e xerar solucións colectivas que atendan ás necesidades reais dunha problemática complexa, como son os incendios forestais, que en 2022 asolaron máis de 50.000 hectáreas de monte en Galicia, nunha das peores tempadas de incendios desde que existen rexistros na comunidade.

“Nos últimos anos avanzouse en aspectos técnicos relacionados coa prevención, a detección ou a recuperación das áreas queimadas”, explica Agustín Merino, quen ve “limitada a implementación destes avances por mor da falta de transferencia de coñecementos á sociedade e a implicación cidadá”. Para abordar este desafío, o proxecto Plantando cara ao lume conecta a centros educativos e de investigación con administracións públicas, propietarios, entidades privadas ou ONGs en 11 comunidades autónomas, nas que se desenvolverán actividades de prevención, restauración, formación e divulgación sobre incendios, engade Merino.

Actividades en Galicia

O proxecto Plantando cara ao lume tivo unha intensa actividade esta primavera na comunidade galega, onde se desenvolveron distintas accións en numerosos centros educativos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, ademais de dúas rutas polo Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e pola Serra do Courel.

As charlas divulgativas e de sensibilización celebradas en colexios e institutos galegos abordaron a xestión sustentable dos bosques e dos solos, así como as causas e consecuencias ambientais, sociais e económicas dos incendios e as posibles medidas de prevención e mitigación, a través de demostracións sobre o terreo. Estas sesións foro impartidas por docentes e estudantes da EPS de Enxeñaría e da Facultade de Bioloxía da USC, así como por profesorado e alumnado dos ciclos formativos do IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia) e o IES Lucus Augusti (Lugo), co apoio de axentes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

“Son accións moi importantes, aínda que pouco coñecidas”, subliña o alumno do dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural no Campus Terra da USC, Víctor Méndez Este ano, Plantando cara ao lume acudiu a centros educativos da capital luguesa, Chantada, Seoane do Courel e A Pobra do Brollón, en Lugo; Cedeira, Santa Comba e A Estrada, na Coruña; e Muíños, en Ourense, relatou Méndez, para logo sinalar que “as actividades de campo en Xurés e no Courel serviron aos estudantes dos graos de Forestais, Bioloxía, Ciencias da Comunicación e Formación de Profesorado, así como a alumnado do IES Lucus Augusti, para desenvolver habilidades divulgativas e de liderado no medio natural.

As achegas realizadas polo alumnado universitario foron diversas. Así, estudantes de Bioloxía lideraron un estudo sobre a restauración da vexetación e un estudante da EPS de Enxeñaría coordinou unha análise de severidades do lume, co obxectivo de analizar a afectación e os danos do chan nunha zona incendiada o verán pasado. Mentres tanto, outros estudantes de Comunicación Audiovisual fixeron unha reportaxe sobre as xornadas de campo e tamén se deseñou unha ruta educativa. “Ao ser estudantes de diferentes ámbitos, complementámonos moi ben”, afirma o alumno Roberto Mourente.

Aprender a convivir co lume

‘Plantando cara ao lume’ culminará este verán cun workshop internacional sobre innovación educativa para aprender a convivir cos incendios forestais que se desenvolverá en Santiago de Compostela os días 12, 13 e 14 de xullo de 2023 baixo o lema ‘Educar para convivir co lume’.

O obxectivo deste encontro é a procura de novas fórmulas e modelos para formar e sensibilizar á poboación, incrementando a implicación cidadá e a transferencia de coñecementos, xa que se demostrou que estes factores contribúen a reducir a ocorrencia de incendios, di Agustín Merino, que ve necesario xerar estratexias estables que axuden a previr os incendios e a reducir o impacto do “maior problema ambiental de España”

Estas xornadas pretenden ser un punto de encontro de todos os sectores implicados na prevención de incendios ou afectados polos lumes forestais. A inscrición para tomar parte neste foro xa está aberta e o programa inclúe mesas redondas interactivas, sesións de brainstorming, actividades de campo e talleres de gamificación, innovación pedagóxica ou creación de materiais audiovisuais, así como unha charla de Laura Bertha Reyes Sánchez, presidenta da Organización Internacional de Ciencias do Solo.

0.21493792533875