A USC levará unha mostra da formación do campus de Lugo a 14.000 estudantes
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a delegada para Asuntos de Ensino Medio da USC, Maite Flores, mantiveron este martes un encontro con docentes e orientadores de diversos centros de ensino da provincia.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a delegada para Asuntos de Ensino Medio da USC, Maite Flores Arias, reuníronse este martes no edificio Cactus do Campus de Lugo con equipos directivos e de orientación de centros educativos da provincia, aos que presentaron as distintas actividades que están previsto desenvolver ao longo do presente curso académico ao abeiro do programa 'A Ponte'.
A sesión, un encontro de traballo a través do que se fortalecen as ligazóns entre a USC e o ensino preuniversitario, serviu, entre outros cometidos, para que Maite Flores fixera unha presentación polo miúdo das actividades contempladas no programa A Ponte, un abano de accións que inclúen charlas dirixidas a estudantes de últimos curso de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de grao Superior, a través das que o profesorado da USC abordará contidos do seu ámbito docente e/ou investigador.
Nesta iniciativa, a través da que se prevé chegar a máis de 14.000 estudantes preuniversitarios, tomarán parte este curso máis de 150 profesores da USC. Ademais, desta acción, o programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC inclúe outras, tales como as ‘Visitas da USC aos Centros de Ensino Medio de Galicia’, coas que busca presentar a Universidade ante o alumnado.
Doutra banda, ‘Os encontros do Ensino Medio na USC’ ofrecen aos estudantes preuniversitarios unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información directa da oferta docente e de servizos da institución universitaria. Nestes encontros participaron o pasado curso un total de 3.101 estudantes de 63 centros de ensino secundario de toda Galicia que se suman aos preto de 4.000 que participaron nos Encontros virtuais na Zona USC. Esta última iniciativa en liña xurdiu durante a pandemia cando non se podía acudir aos centros de xeito presencial e mantívose en anos sucesivos para que o alumnado interesado prema nas ligazóns que conduzan a aquelas titulacións que sexan do seu interese. Unha vez dentro, accede a un programa de videoconferencias que lle permite conectarse en liña para coñecer en directo todos os detalles da titulación e preguntar as dúbidas que desexe.
Monforte, Viveiro, Ribeira, O Barco de Valdeorras e Vilagarcía de Arousa foron as localidades ás que chegou o pasado curso a mostra ‘A USC Camiña. Xornadas de Achegamento á USC’, unha actividade itinerante que se desenvolve por distintas comarcas de Galicia e que chegou a máis de 1.500 estudantes. Esta acción consiste nunha serie de postos informativos sobre as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, pero tamén sobre a investigación e os diferentes servizos relacionados coa vida universitaria intercalada con relatorios e mesas redondas.