A USC rende tributo ao “compromiso” do profesor vilalbés Darío Villanueva
“É unha das figuras senlleiras da nosa Universidade”, afirmou a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso, no acto de homenaxe ao ex reitor da institución compostelá no marco do IX Simposio da Asociación Española de Teoría de la Literatura.
“Darío Villanueva é unha das figuras senlleiras da nosa Universidade. Foi, é e será un universitario no sentido máis pleno da palabra. A pegada que deixa nos estudantes tanto dentro como fóra da USC é moi fonda, como fondo é o seu compromiso firme e inquebrantable coa institución”. Así definiu a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso ao profesor emérito da USC Darío Villanueva Prieto. O ex reitor foi homenaxeado no marco do IX Simposio da Asociación Española de Teoría de la Literatura (Asetel) que botou a andar este xoves na Facultade de Filoloxía e que tamén se estenderá ao longo do venres 8.
“Hai unha palabra que mor moito que se use non se estraga e esa palabra é gracias”, afirmou emocionado o profesor Villanueva logo de escoitar as louvanzas dos seus compañeiros. “Débolle moito á USC”, engadiu para despois facer un repaso por algúns dos episodios vividos nos seus case cincuenta anos de servizo á institución. O ex reitor Villanueva foi o encargado ademais de pronunciar o relatorio inaugural do simposio baixo o título ‘A verdade das distopías’.
Tamén tomaron parte nesta sesión inaugural o decano da Facultade, Elias J. Feijó Torres; Santiago Fernández Mosquera, director do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC; e Domingo Sánchez-Mesa, presidente de Asetel. O decano quixo subliñar que “como estudante que fun desta Facultade quero unirme a este recoñecemento xa que o profesor Villanueva é desas poucas persoas que paga a pena oír sempre”. Pola súa parte, o profesor Fernández Mosquera destacou que “para moitos de nós Darío marcou a nosa traxectoria académica e universitaria. Xa dende ese momento como alumnos, sentímolo como un referente. Aprendemos del un xeito de ser e actuar. Foi para nós un modelo de comportamento”. Ademais de catedrático, reitor da USC entre 1994 e 2002 e director da RAE, o profesor Villanueva (Vilalba, 1950), tal e como se evidenciou no acto deste xoves, constitúe unha figura de referencia no eido da Teoría da Literatura e da Literatura Comparada a nivel internacional, alén de ser doutor honoris causa por diversas universidades europeas e americanas.
PROGRAMA
As conferencias, relatorios e debates do IX Simposio de Asetel abordarán ao longo destas dúas xornadas o contaxio teórico-práctico entre a literatura e outros medios de comunicación. Así, este foro ofrécese como espazo de reflexión sobre a actualidade e visibilidade da propia disciplina na sociedade dos medios; as relacións intermediais e transxenéricas en contornas e formatos que obrigan a cuestionar determinadas concepcións institucionais da literatura; o debate terminolóxico e clasificatorio das formas breves contemporáneas, as súas coordenadas transxenéricas, así como o seu carácter híbrido e a súa apertura a fenómenos tecnomediáticos; e os aspectos socioeconómicos e culturais que condicionan os estudos literarios dende distintas perspectivas. O simposio está coordinado polos profesores Anxo Abuín González, Paulo Antonio Gatica Cote e María do Cebreiro Rábade Villar.