A Valedora do Pobo dálle ao Concello de Lugo un mes para entregar as contas do San Froilán 2023

A Valedora do Pobo deu a razón ao Partido Popular de Lugo e emitiu dous requerimentos para que o Concello de Lugo entregue as contas do San Froilán 2023, despois de que o Goberno local "se negase a facilitar a información solicitada polo PP en varias ocasións", din os populares.
Os concelleiros populares Javier Vázquez e Mar Carballas explicaron que a súa solicitude de información está baseada en que, segundo a liquidación de 2023, o San Froilán supuxo un gasto de 1,2 millóns de euros. "Queremos fiscalizar ata o último céntimo, porque a día de hoxe non se sabe con claridade onde foi parar ese diñeiro. A transparencia non é unha opción, é un deber", subliñou Vázquez.
Carballas explicou que o PP pediu as contas en cinco ocasións distintas, tanto por rexistro como en comisións, pero "o Goberno local presentou diversas escusas para denegar o acceso á documentación". Entre as xustificacións, o goberno mencionou a falta de persoal na área de cultura e a “imposibilidade material” de elaborar os informes solicitados, argumentos que o PP considera inxustificados.
Por iso, o PP presentou en agosto unha queixa ante a Valedora do Pobo, que en novembro de 2023 deu a razón ao Grupo Popular. Porén, a pesar da recomendación da Valedora, o Concello non entregou a información, o que levou a un segundo requerimento en xaneiro de 2025.
Nos informes emitidos pola Valedora, recoñécese que a actuación do Concello limita de maneira "inxustificada" o dereito fundamental da oposición a exercer as súas funcións de control e fiscalización. A Valedora tamén lembra que a súa recomendación de facilitar a información non implica a elaboración de informes a medida, tal e como o Goberno local alegaba.
A Valedora advirte que o Concello debe responder no prazo dun mes, ou se enfrontará ás consecuencias de ignorar esta recomendación.