A Valedora investiga unha denuncia do BNG de Monterroso sobre o uso das redes social do Concello
A Valedora do Pobo vén de admitir a trámite unha queixa presentada polo BNG de Monterroso polo uso que está a facer o Concello da web e redes sociais municipais. O BNG trasladou este asunto á valedora despois de que o concelleiro nacionalista Brais Vázquez fixese un rogo no pleno ordinario que non foi atendido. “Estimamos que algunhas publicacións carecen de rigor e neutralidade política e úsanse de xeito partidista por parte do Goberno Municipal”, di o concelleiro Brais Vázquez.
O pasado mes de agosto, o BNG presentou un rogo no Pleno ordinario alertando desta situación, “rogo que non foi atendido, mentres vemos como a canle de difusión da actualidade do Concello continúa a ser utilizada sen neutralidade".
O BNG de Monterroso reclama que os medios do Concello funcionen como punto de información da actualidade da vila, "e non como medio de propaganda política", e solicita que todos os grupos municipais deberían de ter un acceso en igualdade de condicións á verdadeira divulgación das súas iniciativas e actividades. “Mestúrase e confúndese a institución co partido do goberno como se fora a mesma cousa, cando isto altera as regras do xogo democrático e lesiona, por desigualdade de armas, os nosos dereitos á participación política”.