A veciñanza da Milagrosa inicia a campaña de recollida de xoguetes
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito de A Milagrosa informa de que rematou a primeira parte da 32 edición da “Operación Kilo”, celebrada no barrio de A Milagrosa.
O número de persoas que solicitaron axuda foi de 336 – persoas ou familias- que presentaron a documentación -DNI e empadroamento- para recibir a axuda de alimentos e roupa.
Cada bolsa -con produtos básicos: aceite, pastas, conservas, etc.- entregada, compoñíase duns 12 kg de alimentos, entre os recollidos o domingo 17 de decembro, en que se celebrou a caravana de coches que percorreron o barrio, e as aportacións nos supermercados colaboradores -Eroski, Gadis-. O colectivo tamén agradeceu as aportacións de Puleva e Naturleite.
Comeza agora a segunda fase da operación, que é a aportación de xoguetes, Operación Xoguete. A entrega de xoguetes -na que colaboran o Colexio Galén e As Termas-, comezará o día 3 de xaneiro. Ese día recibirán a visita no local social (rúa Luis
Ameijide, 10. Entrechán C) da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, que manterá un encontro, ás 11.45 horas con máis de 40 voluntarios que colaboraron desinteresadamente e de forma altruísta nunha operación solidaria que supera as 30 edicións e
os 4.000 quilos de alimentos recollidos, polo que foi todo un éxito.
"Só nos queda agradecer a gran solidariedade dos nosos/as veciños e veciñas que converten o noso barrio no barrio senlleiro e solidario de Lugo", explican desde a asociación.