A veciñanza da Residencia organiza unha festa infantil este venres
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto á presidenta da asociación de veciños da Residencia, Cecilia Vázquez, presentaron unha nova actividade que se vai levar a cabo este venres, día 13, co obxectivo de dinamizar o barrio e ofrecer ás familias opcións que favorezan a conciliación.
Durante toda a tarde, desde as 16.30 ata as 19.30 horas, a Praza da Fonte dos Ranchos acollerá varios inchables e outros xogos, onde os nenos poderán divertirse co acompañamento de monitores.
Javier Arias destacou a colaboración da Xunta de Galicia na posta en marcha de actividades coma esta “que dan vida aos barrios e contribúen a facer cidade”. Lembrou ademais o enorme impulso que experimentou a zona da Residencia coa posta en marcha do Centro Integral de Saúde, a Oficina de Emprego e a Residencia de Maiores.