A veciñanza de Antas de Ulla manifestouse por "unha atención sanitaria digna"

LugoXa
Recolléronse xa 200 sinaturas para pedir “unha solución por parte da Consellería de Sanidade”
manifestacion-antas-de-ulla-sergas
21 sep 2024

Centos de veciños e veciñas de Antas de Ulla concentráronse hoxe de novo diante do centro de saúde “para esixir á Xunta de Galicia unha asistencia sanitaria digna”.

Ademais, recolléronse xa 200 sinaturas para pedir “unha solución por parte da Consellería de Sanidade”. A recollida continuará en varios puntos do concello.

“A situación agravouse nas últimas semanas”, lembrou a alcaldesa, Pilar García Porto, que destacou tamén as carencias en enfermería, “xa que por exemplo a próxima semana só estarán un día as dúas enfermeiras, e o resto da semana unha para as consultas, emerxencias e saídas a domicilio”.

“No verán houbo bastantes días sen médico e citas a pacientes que se anulan o mesmo día da cita”, explica a alcaldesa, “e ademais, hai moito atraso para probas médicas ou consultas de especialistas”.

“Os concellos do rural non somos de segunda, para evitar a despoboación necesitamos uns servizos públicos dignos”, rematou García Porto.

0.10158610343933