A veciñanza de Cervantes chama a participar na manifestación pola sanidade pública

LugoXa
Os veciños e veciñas de Cervantes levan tempo denunciando as carencias no municipio, como a falta de médicos nos consultorios de San Román e Doiras
veciños-sanidade-Cervantes
25 Mar 2025

A veciñanza de Cervantes fai un chamamento a toda a poboación da montaña lucense para que se sume á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 6 de abril en Santiago de Compostela. O obxectivo é reclamar “máis sanidade pública” e mellorar as condicións de atención sanitaria nas zonas rurais de Galicia, que levan anos sufrindo o desleixo por parte da Administración autonómica.

Amelia Amigo, veciña de Cervantes e afectada pola mala sanidade no municipio, denuncia que a situación se está tornando insostible para os habitantes da montaña lucense. "A Xunta de Galicia está creando unha sanidade de segunda para as persoas que vivimos no rural", afirma Amigo, que considera que o PP está permitindo unha “morte lenta” do rural a base de recortes e redución de servizos públicos como a asistencia sanitaria.

A falta de atención médica en concellos como Cervantes é unha das principais preocupacións. A zona, con grandes distancias orográficas e unha poboación envellecida, sofre a merma nos servizos de saúde, o que dificulta enormemente o acceso á atención sanitaria. “Non pode ser que dende o PP cada vez se nos faga máis difícil vivir no rural”, manifesta Amelia Amigo.

Os veciños e veciñas de Cervantes levan tempo denunciando as carencias no municipio, como a falta de médicos nos consultorios de San Román e Doiras, onde incluso hai xiros sen cobertura. “Cando falta un dos dous médicos, non é substituído, polo que o consultorio de Doiras queda sen cubrir, e houbo algún día que non tivemos ningún médico en todo o Concello”, explica Amigo, que tamén destaca a ausencia de médicos de garda pola tarde, obrigando ás persoas a desprazarse até Becerreá para recibir atención.

Amelia tamén critica que o goberno autonómico argumente que a baixa demografía é a razón dos peches e recortes nos servizos, sen que se faga nada por incentivar o crecemento poboacional. "Están facendo todo o posible para que abandonemos as nosas aldeas", asegura.

Dende Cervantes, a convocatoria para o vindeiro 6 de abril é clara: defender unha sanidade pública de calidade para todos, independentemente de onde vivan, e poñer fin ao abandono das zonas rurais.

⚙ Configurar cookies
0.56016612052917