A veciñanza de Cervantes volve mobilizarse contra o peche do consultorio médico de Doiras

LugoXa
A protesta diante do centro de saúde de San Román denuncia tamén a falta de cobertura das vacantes médicas no concello
veciñanza-de-Cervantes-concentración-centro-de-saúde-Doiras
6 Mar 2026

A veciñanza de Cervantes concentrouse diante do centro de saúde de San Román para expresar o seu rexeitamento ao peche do consultorio médico de Doiras e á decisión da Consellería de Sanidade de non cubrir as vacantes médicas existentes no municipio. A mobilización reuniu a residentes da zona que quixeron mostrar o seu malestar pola situación da atención sanitaria no concello.

O Bloque Nacionalista Galego de Cervantes participou na protesta para denunciar o que considera “un novo golpe do Partido Popular contra a sanidade pública na montaña lucense”. A formación nacionalista sostén que a clausura do consultorio de Doiras responde a unha decisión “política, adoptada de maneira unilateral e con escurantismo”, sen comunicación previa á veciñanza nin presentación de alternativas.

Segundo sinala o BNG, a Xunta decidiu pechar un servizo sanitario básico nun municipio que xa sofre carencias de recursos e unha gran dispersión da poboación. “É unha decisión profundamente irresponsábel e un desprezo absoluto á veciñanza de Cervantes”, denuncian.

A organización nacionalista considera que esta medida forma parte dunha estratexia máis ampla de recortes na atención primaria no medio rural que afecta especialmente ás zonas de montaña da provincia de Lugo. Ao peche do consultorio de Doiras súmase, segundo indican, a situación do centro de saúde de San Román, que continúa con persoal insuficiente tras quedar unha das prazas médicas sen cubrir e converterse outra nun servizo rotatorio e precario. “O Partido Popular está a aplicar unha política consciente de deterioro da sanidade pública no rural: primeiro recortan, despois precarizan e finalmente pechan servizos”, afirman.

Desde o BNG lembran que Cervantes conta cunha poboación moi envellecida e cunha notable dispersión territorial, polo que a eliminación de servizos de proximidade pode ter consecuencias importantes para a veciñanza. “Pechar o consultorio de Doiras e recortar en San Román significa obrigar ás persoas maiores a percorrer quilómetros por estradas de montaña para poder acudir ao médico. Iso non é reorganizar servizos: é abandonar deliberadamente o noso rural”, sinalan.

A formación critica tamén a falta de información por parte da Xunta. Segundo indican, a veciñanza non recibiu explicacións nin aviso previo sobre o peche do consultorio. “A Consellería decidiu pechar e punto. Ese é o trato que o Partido Popular lle dá á montaña lucense”, lamentan.

Ante esta situación, o BNG anunciou que continuará promovendo mobilizacións e chamou á veciñanza a manter a defensa dos seus dereitos. Neste sentido, convocou unha nova concentración o vindeiro mércores 18 de marzo ás 12:00 horas diante do centro de saúde de San Román para reclamar a reapertura inmediata do consultorio de Doiras, a cobertura estable das prazas médicas e o mantemento íntegro dos servizos sanitarios no concello.

“O que está en xogo é o dereito á saúde das nosas veciñas e veciños e o futuro do noso territorio. Sen sanidade pública non hai igualdade nin hai vida digna no rural. A montaña non pode seguir pagando as políticas de abandono do Partido Popular”, conclúe o BNG.

0.12003397941589