A veciñanza de Loentia traslada á subdelegada a súa preocupación pola implantación de Surexport

TerraChaXa | LugoXa
Veciñanza de Loentia traslada á Subdelegada do Goberno a súa preocupación ante a posible instalación da agroindustria Surexport
surexport manifestacion3
15 Abr 2023

Veciñanza e labregas reuníronse coa Subdelegada do Goberno de Lugo, Isabel Rodríguez, para trasladarlle a crecente preocupación existente na contorna ante a posible instalación na parroquia de Loentia (Castro de Rei, Lugo) dunha macroexplotación de froitos vermellos propiedade da polémica multinacional de orixe andaluza Surexport.

Na xuntanza, solicitada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), as veciñas e veciños subliñaron a inquedanza que está a causar a posibilidade de que o modelo agroexplotación intensiva culpable do deterioro extremo de territorios como Doñana, avance a súa instalación en Galicia "coa intención de acaparar novas terras e recursos hídricos, expulsando directamente neste caso a varias granxas de Loentia que empregan as terras para alimentar ao gando".

"Como vimos denunciando dende o ano pasado, e como foi trasladado á Subdelegada do Goberno, o escurantismo e opacidade caracterizan dende o seu inicio este proxecto que supostamente afectaría a case un cento de hectáreas do monte comunal, sen que a día de hoxe a Directiva da Comunidade de Montes teña proporcionado información ao respecto do lugar exacto onde se instalaría nin o tempo ou condicións nas que se faría este posible alugueir", din.

Canda a "probada insostenibilidade medioambiental destas producións agroindustrias", a veciñanza afectada recalcou a importancia de seguir de perto as condicións nas que, chegado o caso, se vaia a producir a chegada e instalación na contorna dos varios centos de traballadoras/es -calcúlase que perto dun milleiro- requeridos para esta explotación. Neste sentido destacaron a necesidade de que por parte das institucións correspondentes se preste especial atención ás condicións laborais e de habitabilidade destas persoas, habida conta das polémicas que arrodean á empresa Surexport.

No SLG stán tamén valorando iniciar medidas xudiciais, ao entender vulnerados os seus dereitos como comuneiras por mor da negativa da Directiva a proporcionar a información correspondente sobre as condicións nas que se solicita a instalación desta agroexplotación.

En todos estes procesos seguirán contando co apoio do Sindicato Labrego Galego, "dende onde seguiremos denunciando o incumprimento de normativas medioambientais e dereitos humanos e sociais que caracterizan á agroindustria, e demandando políticas públicas que garantan o desenvolvemento dun modelo de produción de alimentos respectuoso cas persoas e o medio ambiente, protagonizado por moitas pequenas e medianas explotacións, en base a un modelo agroecolóxico e no camiño da soberanía alimentaria", din.

0.2661600112915