A veciñanza de Lugo esixe, de novo, a creación dunha unidade de Ictus no Hula
A Plataforma en Defensa da Sanidade e especialidades do Hula continúa na súa loita pola consecución dunha unidade de Ictus na capital. Case 5 anos despois da primeira demanda dunha unidades especializada en infarto cerebral, a plataforma xunta a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti, recuperan esta petición.
Segundo un escrito remitido aos medios, no 2019 o Ictus afectaba ao redor de 800 pacientes anuais en Lugo. Con este dato na man, pregúntanse dende os dous colectivos cantos pacientes deixaron a súa vida polo camiño nos últimos cinco anos por non ter no Hula unha unidade especializada.
Lembran dende a plataforma, que en decembro de 2021, “falamos claro e definimos o que entendemos como unidade de Ictus segundo as recomendacións mínimas para esa unidade por parte da Sociedade Española de Neuroloxía”.
Reivindican para Lugo e para o seu Hospital un equipamento mínimo para a creación dunha Unidade de Ictus. “Requerímosllo vía email ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Director de Asistencia Sanitaria e á Xerencia do Sergas”.
Entre outras cousas, os colectivos piden un neurólogo de garda as 24 horas do día, con presencia física no Hula e outro, tamén de garda 24 horas, con presencia para o diagnóstico e tratamentos, será tamén o responsable no caso de que despois de aplicados os tratamentos químicos para disolver o trombo “e se non se logra o resultado óptimo, será o profesional que accesa á arteria taponada e extraiga o trombo”.
Esixen tamén un equipo de enfermería cunha ratio dun enfermeiro por cada catro camas as 24 horas do día, unha unidade de camas específicas para Ictus, dotación de monitorización neurolóxica, así como un servizo de rehabilitación global especifico “con axuda á adaptación no fogar, servizos de apoio á mobilidade, aportación de servizo de fisioterapia ao ictus, axuda a pacientes que precisan dun Neuropsicólogo, colaboración de logopeda, plan de rehabilitación cognitiva, axuda social e económica”.
En maio de 2021, estes colectivos reenviaron un novo mail á atención do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, reclamando as dotacións requeridas, “pero que de novo deixa sen contestar malia indicarlle a nosa intención de recorrer á Valedora do Pobo se continúa na súa actitude de non implantar unha unidade completa nin dar resposta algunha”.
Dende ambos colectivos, consideran importante resaltar que o costo que representa o coidado de pacientes con secuelas graves e que pode rondar os 3000 euros mensuais e que, con tratamentos adecuados, os costes de atención e tratamento poden ser inferiores aos 800 euros.
Diantes das recientes informacións do Sergas, da implantación dun equipo de neurorradioloxía dentro dun ano no Hula, “pero non a unidade completa”, Federación e plataforma advirten que “se non se aceleran os prazos para unha verdadeira unidade completa de Ictus, tomaremos as medidas legais ao noso alcance, incluídas se son precisas as mobilizacións nas rúas como nos obrigaron para conseguir a implantación de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear”.