A veciñanza de Nadela e o PP piden que se ilumine a rotonda de Nadela que dá acceso a diversas localizacións
A veciñanza de Nadela e o Partido Popular piden que se acendan os farois da rotonda de Nadela en Lugo: "É unha entrada estratéxica, xa que este punto é a arteria principal para acceder e saír de Lugo, que conecta a N-6 coa A- 6; que dá acceso ao núcleo de Nadela; onde conflúe a saída á LU-546 que leva aos condutores ao municipio de Sarria pola estrada vella pasando por Santa Comba e que dá acceso ao corredor Lugo- Monforte", defenden.
Co obxecto de mostrar a nula iluminación deste punto, a veciñanza da contorna xunto con concelleiros do Partido Popular de Lugo e deputados e senadores participaron nunha concentración simbólica nocturna acendendo as lanternas dos seus móbiles ao pé da rotonda. Tralo acto, a voceira popular indicaba que “a paciencia da veciñanza está ao límite, xa que a deficiente iluminación desta rotonda, competencia do Goberno central, provoca inseguridade aos condutores e ademais proxecta unha mala imaxe da cidade".
Elena Candia destacaba que "somos duros e contundentes con esta cuestión porque a politica é de grandes proxectos pero tamén dos pequenos detalles que afectan á vida da xente como é o caso deste acceso a Lugo que está en absoluta penumbra. É incomprensible que Ministros socialistas se paseen por Lugo e que estas visitas non traian nin investimentos, nin xestos para mostrar unha cidade acolledora acendendo as farolas que hai nesta ubicación”.
Os populares recriminaron a falta de liderado político dun PSOE que non traballa nin consegue nada para Lugo, e dun BNG que se limita a facer ofensivas de titular”.
Os populares anuncian que presentarán unha iniciativa a pleno para que o Concello de Lugo inste ao Goberno de Sánchez a encender as luminarias da rotonda provocando malestar e problemas de seguridade vial aos conductores que pasa por este lugar situado no quilómetro 498 da N-6. Tamén os representantes do partido en Madrid elevarán preguntas para coñecer porque motivos non se ilumina a rotonda xa que se trata dunha estrada de titulariedade estatal.