A veciñanza de Nadela volve manifestarse polo centro de saúde

LugoXa
O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por concelleiras e concelleiros do BNG, participou na mobilización organizada pola veciñanza de Nadela en protesta pola situación do seu Centro de Saúde.
vecinanza nadela centro saude
vecinanza nadela centro saude
24 Nov 2023

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por concelleiras e concelleiros do BNG, participou na mobilización organizada pola veciñanza de Nadela en protesta pola situación do seu Centro de Saúde. Arroxo afirmou que “é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas”. Para o portavoz do BNG, “a Xunta en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade”.

Para Rubén Arroxo, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno. No verán, ante a denuncia do peche do centro por parte das veciñas e veciños, a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, "agora sábese que o plan da Xunta do PP é deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro".

O BNG trasladará ao Parlamento de Galiza a situación da veciñanza de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro. "Tres días á semana non son suficientes, a poboación non pode decidir que día enferma”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta". A situación deste Centro de Saúde debaterase tamén no vindeiro pleno do Concello de Lugo, por iniciativa do BNG.

O BNG critica que a Xunta de Galicia pretenda pechar o centro “nun proceso de desmantelamento da sanidade pública", e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.

0.13270401954651