A veciñanza de Navia de Suarna inicia unha campaña para reclamar mellor atención sanitaria

A plataforma cidadá denuncia que esta situación pon en risco a saúde da poboación
campana-sanidade-publica-navia-de-suarna
4 Aug 2025

A veciñanza do concello de Navia de Suarna vén de iniciar unha campaña de denuncia pública baixo o lema "Queremos Navia con vida. Esiximos o noso médico cada día", co obxectivo de visibilizar a situación de desatención sanitaria que padecen desde hai máis de ano e medio.

O concello conta cunha única praza de médico que, desde hai dezaoito meses, permanece sen cubrir de forma estable. A atención sanitaria está a ser asumida por distintos profesionais que se desprazan puntualmente para facer garda ou consulta no mesmo día, o que provoca que, con frecuencia, só haxa atención médica durante catro horas pola mañá ou, nalgún caso, ningún servizo dispoñible durante toda a xornada.

A plataforma cidadá denuncia que esta situación vulnera o dereito á sanidade pública e pon en risco a saúde da poboación, sobre todo tendo en conta o incremento estacional de habitantes durante o verán. Exixen á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que tome medidas urxentes para garantir unha cobertura médica completa e diaria, e lembran que o rural non pode seguir sendo tratado como "cidadanía de segunda".

Entre as principais reivindicacións da campaña destacan a cobertura inmediata da praza médica vacante e un compromiso real por parte das autoridades para non deixar desatendida esta zona rural, especialmente pola súa distancia ao hospital máis próximo, a dispersión xeográfica e a alta idade media da súa poboación.

⚙ Configurar cookies
0.18846297264099