A veciñanza de Segade repetirá as protestas se non hai resposta municipal tralo Nadal
A veciñanza de Segade na parroquia de Teixeiro no concello de Lugo seguen á espera dunha comunicación do Concello para que acometa as obras de mellora da pista de acceso á zona.
O colectivo veciñal fixo entrega dunha serie de firmas "unha vez que estaban máis de que fartos de sufrir o desleixo da Concellería de Transición Ecolóxica e Impulso Rural de Lugo, dirixida polo socialista Miguel Fernández Méndez". Nestas solicitan o arranxo da pista municipal que leva a este lugar desde a N-640.
Entre veciños e usuarios da citada pista chegaron a xuntar 78 sinaturas que entregaron no rexistro municipal do Concello de Lugo.
Na folla de sinaturas expoñen que a pista que vai de Rozas a Segade, pasando por Roade, "é o único acceso ás nosas vivendas e estando esta pista totalmente intransitable polas fochancas que nela se formaron nos últimos meses, circunstancia que dificulta o tránsito de todo tipo de vehículos polo que lle solicitan á citada concellería a inmediata solución deste problema mellorando o firme desta pista e así poder circular por ela".
Aínda que esta demanda causou a curiosidade e a atención dos medios, non teñen noticias por parte do Concello sobre as súas demandas. Aínda así a veciñanza manifestou a súa firme intención de seguir coa súa demanda e utilizar outros medios de presión se fai falta unha vez que pase o Nadal.