A veciñanza de Tirimol abre un proceso de análise sobre o proxecto da planta LUGAZ

LugoXa
Os residentes amosan a súa preocupación polos posibles impactos ambientais e sociais e chaman á participación cidadá
Parroquia-de-Tirimol-Lugo
26 Sep 2025

A comunidade de San Xoán de Tirimol, en Lugo, puxo en marcha un proceso aberto de información e análise arredor do proxecto industrial LUGAZ, unha biorrefinería de biogás que se proxecta nas inmediacións do polígono do Ceao, a escasos metros das vivendas da zona. O obxectivo desta iniciativa é avaliar con detalle os efectos ambientais, sociais e técnicos que a instalación podería ter na parroquia, no rural e no conxunto do municipio.

Durante as últimas semanas mantivéronse reunións cos promotores e tamén houbo contactos con outras parroquias da contorna para compartir datos e valorar en común as posibles consecuencias. Entre as principais inquedanzas da veciñanza está o tratamento dos lodos de depuradora, a chegada de materias orgánicas de orixe non especificada e a análise sobre as condicións que permiten que o proxecto aspire á declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), unha catalogación que, segundo denuncian, semella feita á medida e potencialmente sobredimensionada.

Neste contexto, a comunidade local fai un chamamento á participación activa de todos os veciños e veciñas de Tirimol e parroquias próximas para acudir ás reunións que se organizarán nas vindeiras semanas. Ademais, xa se habilitaron perfís en redes sociais e un grupo de difusión veciñal para informar das novidades e convocatorias, co obxectivo de garantir unha decisión colectiva, informada e responsable.

⚙ Configurar cookies
0.056838989257812