A veciñanza de Tirimol organiza unha xornada informativa sobre a planta de biogás LUGAZ

A veciñanza próxima á zona onde se proxecta a construción da planta de biorrefinería de biogás LUGAZ organiza unha Xornada Técnica-Informativa aberta a toda a cidadanía co obxectivo de analizar en detalle o proxecto e debater as preocupacións existentes polo seu impacto ambiental e social.
A cita terá lugar o luns 6 de outubro de 2025, ás 20:00 horas, no lugar de Pías. Na xornada interveñen Rubén Arroxo, Tenente de alcalde do Concello de Lugo; Montserrat Valcárcel, doutora enxeñeira agrónoma, ex-vicerreitora da USC e parlamentaria do BNG; e Daniel L. Vispo, técnico de ADEGA.
Durante a sesión exporanse os principais aspectos do proxecto LUGAZ e abrirase un espazo de diálogo para recoller as demandas e propostas da veciñanza.
A comunidade quere poñer de relevo cuestións como o tratamento de lodos de depuradora, a entrada de materias orgánicas de orixe non especificada e as condicións da súa declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), consideradas sobredimensionadas e deseñadas á medida do proxecto.