A veciñanza reclama o ensanche do paso entre as rúas Mazaira e Juana La Loca

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do barrio da Milagrosa vén de solicitar ao Concello de Lugo unha intervención urxente para ensanchar o estreitamento existente ao final da rúa Mazaira, no punto de conexión coa rúa Juana La Loca.
Segundo explica a entidade, este paso, “estreito, incómodo e mal resolto urbanisticamente”, está a actuar como un verdadeiro tapón que limita a circulación de vehículos, peóns e servizos, dificultando o acceso fluído entre dúas rúas que deberían funcionar como unha conexión natural dentro do barrio.
A situación provoca molestias, perda de tempo e problemas de mobilidade que poderían evitarse, ademais de supoñer un punto de conflito para o paso de vehículos de emerxencias ou de reparto, agravando a problemática existente.
Por este motivo, a Asociación propón ao Concello a realización dun proxecto de ensanche deste paso, coa expropiación correspondente, que garanta a continuidade viaria, a seguridade peonil e a accesibilidade, respectando a trama urbana pero adaptándoa ás necesidades reais do barrio.
A solicitude está apoiada por numerosos veciños, comerciantes e traballadores da zona, e enmárcase dentro do proceso de rexeneración e dinamización que, segundo indican desde a Asociación, “A Milagrosa precisa e merece”, tras ser unha demanda reiterada da cidadanía.
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa amosou a súa disposición a colaborar co Concello para avanzar nesta proposta e achegar toda a información necesaria sobre o impacto positivo que esta actuación tería na vida diaria do barrio.