A veciños de Coeses reclaman no Parlamento unha ubicación alternativa para a fábrica de metano
O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG manterá un encontro no Parlamento Galego coa veciñanza afectada polo proxecto de construción dunha fábrica de Metano en Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións.
A deputada do BNG Montserrat Valcárcel recibirá no Parlamento á veciñanza afectada, onde escoitará as súas reclamacións e compartirá a postura do BNG. O BNG trasladará tanto ao Parlamento Galego como ás distintas institucións onde ten representación a problemática trasladada polas veciñas e veciños "ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana".
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan reducida a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.