A VI Gala de Premios de Turismo distinguirá seis iniciativas que promoven a identidade da provincia de Lugo

O Pazo de San Marcos acollerá este sábado, 27 de setembro, ás 12:00 horas, a VI Gala de Premios de Turismo, un certame promovido polo Consello Provincial de Turismo, impulsado e presidido pola Deputación, que busca recoñecer proxectos que contribúen a difundir o territorio e reforzar a identidade lucense. A cita desenvolverase no Salón de Actos e combinará o espírito festivo coa promoción do turismo como motor social, cultural e económico do rural.
A gala estará ambientada pola música da guitarrista lucense Iria de Cabo, integrante da Banda da Loba, e da baixista e cantante galega Raquel López, membro de Ginebras. O acto será conducido polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e intercalará actuacións musicais coas entregas de premios, nas que se proxectarán vídeos sobre cada candidatura. As persoas galardoadas recibirán un diploma e unha figura de Gundivós como agasallo.
O xurado distinguiu na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense ao programa de actividades Descubrir Quiroga, á festa da Queima das fachas de Taboada e á Foliada da Fonsagrada. Na sección …E para comer, Lugo á gastronomía lucense recoñeceranse a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística premiará á Mariña Lucense polo seu labor en turismo sostible, mentres que o Hotel Mogay recibirá o accésit nesta mesma categoría.