A Vicepresidencia da Deputación impulsa actividades de cestería no Lugar de Reque

LugoXa
Este programa, deseñado para fomentar a recuperación e actualización do oficio da cestería, desenvolverase ao longo do ano con actividades enfocadas no ciclo do vimbio
espazo-permacultural-Lugar-de-Reque-Lugo
13 Feb 2025

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo dinamizará o espazo permacultural Lugar de Reque cun programa de actividades centrado na cestería.

A primeira destas iniciativas, un percorrido de recoñecemento de plantas cesteables guiado pola artesá Idoia Cuesta, levarase a cabo o vindeiro 23 de febreiro, anque as prazas xa están completas.

Este programa, deseñado para fomentar a recuperación e actualización do oficio da cestería, desenvolverase ao longo do ano con actividades enfocadas no ciclo do vimbio.

Os cursos abordarán desde a plantación de diferentes especies ata a súa poda, mantemento e conservación, así como a elaboración de diversos tipos de cestos.

Como parte do proxecto, recolléronse 30.000 varas de distintas especies de sálix na finca de Reque, que serán utilizadas nos obradoiros.

As actividades enmárcanse dentro dos principios da permacultura, promovendo a observación e o coidado do territorio e da biodiversidade, o uso sostible dos recursos locais e a valorización das tradicións artesanais.

Ao longo do ano, ofreceranse distintas formacións sobre a preparación do vimbio e o manexo de diversas técnicas de cestería para a creación de bolsos, cestos e outros obxectos ornamentais.

Estas actividades están dirixidas a todas aquelas persoas interesadas na artesanía e na sustentabilidade, brindando unha oportunidade para aprender e preservar este oficio tradicional.

0.17407298088074