A Vicepresidencia impulsa os produtos de razas autóctonas na Festa de Pascua de Sobrado de Picato

O programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto participará na Festa de Pascua de Sobrado de Picato, en Baralla, unha celebración organizada pola Asociación de Veciños e na que colabora a Vicepresidencia da Deputación de Lugo que se desenvolverá ao longo da fin de semana.
Na última xornada das festas, o domingo 5 de abril, ofreceranse distintas degustacións elaboradas con produtos de proximidade. Entre as propostas figuran mini hamburguesas de carne de vacún de raza cachena, procedentes da gandería Cachenas O Antoxo, situada no Corgo; fabas de Lourenzá acompañadas de galiña de Mos, subministrada polos criadores José Zapata, de Castro de Rei, e Sandra López, da Granxa Aeiroá, en Láncara; así como xamón de porco celta.
A deputada Iria Castro presentou esta iniciativa nun acto no que participaron representantes de Boaga e Avimós, así como gandeiros e integrantes da comisión organizadora. Durante a súa intervención, puxo en valor o papel das festas populares como escaparate para dar a coñecer “produtos de primeira calidade procedentes de ganderías da provincia” e subliñou que o seu consumo contribúe á viabilidade das explotacións, ademais de favorecer a conservación do territorio e a fixación de poboación no medio rural.
O programa Un gusto de rural, un rural degusto, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación, ten como obxectivo fomentar o consumo de carnes e outros produtos de razas autóctonas mediante degustacións en feiras, mercados e celebracións populares.
Esta iniciativa conta coa colaboración das asociacións gandeiras Puraga, Asoporcel, Avimós e Boaga, e implica directamente a ganderías e producións locais, encargadas de subministrar a materia prima coa que se elaboran tanto receitas tradicionais como propostas máis innovadoras, destinadas a destacar as cualidades gastronómicas destes produtos e a recoñecer o labor das persoas que traballan na súa recuperación.