A voceira socialista de Outeiro de Rei critica os orzamentos do pleno

LugoXa | TerraChaXa
Argumenta que as contas “chegan tarde e son un copia e pega dos anos anteriores"
PSOE Outeiro Rei Carmen Acacio
10 Ago 2024

A voceira do PSdeG en Outeiro de Rei, Carmen Acacio, votou en contra dos orzamentos no pleno extraordinario convocado polo alcalde da localidade porque as contas “chegan tarde e son un copia e pega dos anos anteriores, polo que non son operativas nin eficaces para a veciñanza”.

Reprochou Acacio ao rexedor que convoque un pleno extraordinario “a correr” no mes de agosto para aprobar unhas contas do ano en curso, demostrando “a nula planificación” do Concello. “É un orzamento que, segundo sexan superados todos os trámites administrativos para a súa entrada en vigor, nacerá morto porque o exercicio 2024 está a piques de rematar”, valorou.

“É unha mágoa constatar no informe de Intervención o incumprimento da regra de gasto”, lamentou a socialista, que explicou que o Concello estará obrigado á reelaboración dun plan económico financeiro con medidas correctoras.

Engadiu Acacio que “pasaremos a ter as contas tuteladas pola mala xestión dos recursos do Concello”. Durante a sesión municipal, Carmen Acacio detallou que os orzamentos, ademais, están “inflados”.

Puxo como exemplo a partida de 1.519.858,54 euros consignada ao Plan da Palloza, “que se sucede ano tras ano, pero que non se executa”. Censurou que o alcalde prometa aos veciños cousas que non vai cumprir, como as obras urbanización ou das augas fecais.

E nese sentido, Carmen Acacio sinalou que é a propia veciñanza a que está buscando solucións pola súa conta porque o “Concello é incapaz de amosarse útil”, como no tema enerxético, chegando a acordos cunha empresa de enerxías renovables para a instalación de placas solares coas que abastecerse.

0.10797619819641