A Volta do Agro: “Queremos seguir atraendo xente ao mundo da cultura tradicional galega”

LugoXa
A asociación fai 30 anos desde que comezou a súa andaina en favor da cultura tradicional galega, e o seu presidente, Senén Montero, mantén a ilusión por seguir moitos anos máis neste camiño
A-Volta-do-Agro-Lugo
4 May 2025

Jessica Fernández

“Un séntese moi cheo cando traballa pola cultura galega”. Con esta frase, o presidente de A Volta do Agro resume estes 30 anos de percorrido da asociación, mirando con ilusión o futuro, no que queren “seguir cumprindo anos e atraendo a maior cantidade de xente a este mundo tan bonito e divertido que é a nosa cultura”.

Actualmente, 22 persoas forman parte deste colectivo cultural, aínda que “foi pasando xente moi distinta, pero sempre coa mesma idea: dignificar a cultura tradicional”, destaca Montero, que recoñece que houbo que irse adaptando aos tempos. “Ao longo de 30 anos pasamos por épocas nas que o folclore estaba en voga e logo houbo momentos máis baixos. Agora estamos nun momento bo, pero nos malos momentos tampouco pensamos en abandonar, non desistimos no traballo e sempre mantivemos as ganas de facer cousas, por iso chegamos aquí”.

Con respecto ao bo momento que se vive de concepción da cultura tradicional galega, desde o colectivo cren que as novas xeracións tamén están subidos nesa onda de gusto pola música e o baile galego. “Non só está de moda a música tradicional galega, senón tamén están de moda os artistas que usan bases de música tradicional e fan outro tipo de música, como rock, hiphop, rap... en galego, e defendida pola xente nova, algo que nos alegra moito”.

Por todo isto e con motivo da celebración dos 30 anos que fai A Volta do Agro, o vindeiro 24 de maio promoven o Festival Zumbanocoiro, unha iniciativa que xa se celebrou hai anos pero que agora recuperan polo aniversario e que queren que se manteña de maneira anual na programación cultural da cidade de Lugo. “É un festival de música tradicional que aposta por grupos de música emerxentes que actuarán na Praza Horta do Seminario de Lugo. Estes grupos son Ailá, Tiruleque e Xosé Lois Romero & Aliboria, que esperamos que enchan de público a Praza, xa que son recoñecidos en Galicia e tamén fóra dela. Estamos moi ilusionados”, explica Senén, e engade: “Queremos que a música tradicional galega se escoite en Lugo e non só no San Froilán”.

MÁIS ACTIVIDADES DA AGRUPACIÓN

Desde A Volta do Agro sosteñen que este ano, ademais do Festival, tiveron a iniciativa de organizar, ademais dos obradoiros que imparten de baile, canto, pandeireta e gaita; monográficos impartidos por figuras recoñecidas dentro da cultura tradicional galega. Así, xa participaron Xisco Feijoo, Fran Sieira, Vanesa Castro, e houbo unha charla mascaras de entroido impartido por Xose Manuel Seixas. Ademais, durante o verán terán lugar as actuacións do grupo, onde ensinan o traballo que fan durante todo o ano nos obradoiros que imparten, e, a partir de setembro, haberá “algunha sorpresa que aínda non podemos desvelar”, sosteñen.

Por outro lado, en A Volta do Agro continúan no proceso de recollida de mostras da cultura tradicional galega, xa que “é un traballo que nunca remata. Ter un arquivo de música, de bailes, de roupa é algo moi importante porque o usamos nos nosos obradoiros e nas nosas actuacións. Hoxe en día, cada vez hai máis conciencia entre a xente da importancia de gardar esas testemuñas dos nosos antepasados e facelo de maneira conxunta, polo que tamén compartimos entre asociacións e así creamos un arquivo digno para todos e todas. Se queremos facer que a cultura tradicional estea no punto de mira e estea considerado como se merece, temos que traballar na mesma dirección. Cada asociación ten a súa peculiaridade e non temos por que taparnos uns aos outros, pero é bo traballar conxuntamente”, explica Senén.

En concreto, preguntado polos pasos que se dan nesa recuperación da tradición, o presidente pon como acción principal o contacto coa xente maior: “Nós temos a misión  de recuperar todo o que nos queiran transmitir e despois transmitilo. Traballamos con iso para que hoxe en día moita xente, bebendo desa tradición, poida facer música nova, pero con esa base da música tradicional dos nosos maiores. Os nosos obradoiros e o que ensinamos vén de aí as musicas e sentímonos orgullosos. Así como tamén vemos que a quen llo ensinamos desfruta. Hoxe en día a xente non quere ir a un concerto ou a unha foliada cos brazos cruzados, quere bailar e participar, por iso o baile está moi demandado.

AS NECESIDADES

Con respecto ao futuro, desde A Volta do Agro piden que os organismos oficiais “sigan tendo en conta a música e o baile tradicional na súa programación anual, e que estean abertos as propostas das asociacións como a nosa. Que teñan en conta o que lles queiramos propoñer e que eles escoiten e estean abertos. Xa o están facendo, xa que o Concello de Lugo e a Deputación nos axuda nas nosas actuacións e no caso do Festival tamén contamos ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, así que estano facendo ben. Tendo en conta a demanda que hai destas iniciativas culturais por parte da xente, o normal é que as administracións queiran estar do lado da xente e abertos a todas as propostas”, comentan.

Ademais, recoñecen que houbo momentos nos que non eran capaces de atender a todo, por iso tiveron que deixar de organizar o festival que agora queren recuperar. Por iso esperan poder seguir contando con subvencións, ademais dos ingresos que obteñen pola organización de obradoiros, co que pagan o alugueiro do local no que se imparten. Con todo, conclúen que “o proxecto futuro é seguir facendo anos e seguir atraendo a maior cantidade de xente a este mundo bonito e divertido e co que un se sente moi cheo ao traballar pola cultura galega”.

⚙ Configurar cookies
0.17887496948242