A Xanela do Maxín achega o seu espectáculo para a primeira infancia ao MIHL
O MIHL acolle este xoves a partir das 18.00 horas a obra Babá-Bebé, un espectáculo de pequeno formato moi estimulante. Celtia Figueiras e Topo Vidal, como intérpretes solistas, fan desta obra unha auténtica delicia para os sentidos dun xeito delicado, amable e perfectamente adecuado ás necesidades sensoriais da primeira infancia.
Na obra os bebés e familias mergúllanse nun espazo acolledor, seguro e propicio para desfrutar do paso das estacións, que se inicia nunha primavera na que podemos observar e sentir o reino vexetal que comeza a medrar e un osiño que esperta, para despois pasar polo verán coa súa calidez e un mar que nos abraza, o ocre do outono e finalmente o frío inverno, onde o noso osiño se bota a durmir, descansando de todos os xogos e brincadeiras.