A xornada de divulgación científica do Courel puxo en valor o seu patrimonio
A oitava edición da Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, centrada no territorio e no patrimonio do Courel, e coordinada pola directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo foi inaugurada no día de onte.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo deu a benvida ás persoas participantes - tanto presencialmente, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, como na modalidade en liña - e valorou a a achega que estas iniciativas supoñen na posta en valor do patrimonio e na transferencia á sociedade do coñecemento científico. A este respecto, indicou que “a necesidade e urxencia de acertar nas estratexias para para que o patrimonio sexa un motor de desenvolvemento económico, social e cultural para unha comarca cunha situación demográfica crítica”.
Durante a xornada de mañá, interviron a Aurora Grandal D´Anglade, profesora titular da UDC, cun relatorio sobre os restos atopados nas covas do Courel; o arqueólogo e doutor en Prehistoria pola UCM, Luis Francisco López, que abordou os modelos de ocupación castrexa no Courel, achegando datos dos últimos estudos realizados a patir de prospeccións e escavacións como a realizado o pasado ano no monte Cido, e da análise morfolóxica dos poboados e do seu territorio; e Enrique Alcorta e M.ª Ofelia Carnero, membros do departamento de Arqueoloxía do Museo Provincial de Lugo, que centraron a súa exposición na cultura material do Courel conservada no MPL en tre a que destaca a coñecida como tabula hospitalis do Caurel, procedente de Torre Cabreira, lugar de Carbedo, parroquia de San Pedro de Esperante (Folgoso do Caurel).
As intervencións culminaron cunha mesa redonda á que se sumaron o presidente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo, e o director dos Museo Xeolóxico de Quiroga, Ramón Vila, e na que contrastaron distintos puntos de vista sobre a rendibilidade sociocultural da investigación patrimonial.
A xornada continuou pola tarde cunha visita ao xacemento arqueolóxico do Castro da Torre, en Sobredo, en Folgoso do Courel, guiada por Iván Álvarez Merayo, e unha visita técnica explicativa á sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Museo de Lugo.