A xornada de Guntín do Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa bateu récord de asistentes

LugoXa
Persoas de Estados Unidos, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Perú, Venezuela, Portugal, Cataluña, Euskadi, Madrid, Valencia, Castela e León, Asturias e das catro provincias galegas desfrutaron desta actividade
xornada-guntin-guido-guia-xeodestino
10 Nov 2024

As xornadas do Xeodestino Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa e o proxecto Guido Guía viviron este sábado a xornada viaxeira na que se bateron todos os récords de asistentes.

Das 172 persoas que visitaron O Páramo no mes de xullo, ou do promedio de 127 nas primeiras dez actividades, pasouse a nada menos que 231 participantes neste sábado de outono en Guntín.

A xornada comezou ás 11 da mañá no pavillón municipal, percorrendo e visitando o paseo fluvial do río Ferreira, a Ponte Cabalar, o Mosteiro de Ferreira de Pallares e outros atractivos. Un itinerario no que se mesturaron os recursos naturais, históricos e culturais do municipio. Posteriormente foi o tempo do xantar, no que diversos restaurantes e bares da zona ofreceron menús especiais, mentres que outras persoas optaron por comer ao aire libre. Pola tarde parte do grupo seguiron coñecendo a contorna con Guido, neste caso visitando un tramo do río Miño.

Persoas de Estados Unidos, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Perú, Venezuela, Portugal, Cataluña, Euskadi, Madrid, Valencia, Castela e León, Asturias e das catro provincias galegas desfrutaron desta actividade e convocáronse para a primeira do 2025, ano no que se prevé seguir co sistema de facer unha saída por mes.

Entre os camiñantes deste segundo Descubrindo Guntín estiveron Ángel Pérez (alcalde de Guntín) e varios concelleiros, Lorena López Cedrón (xerente do GDR-4) e todo o seu equipo, así como o ex-alcalde Jesús Carreira Ferreiro e outras personalidades do municipio.

0.22031188011169