A xornada Galicia-Gandería Extensiva reúne en Lugo a produtores para poñer en valor a gandería autóctona

A xornada Galicia-Gandería Extensiva, organizada hoxe por Unións Agrarias no Centro de Empresas e Innovación (CEI)-Nodus de Lugo, reuniu gandeiros e expertos para debater sobre a importancia da gandería extensiva e das razas autóctonas na conservación do territorio e na sustentabilidade do medio rural.
O encontro destacou a función deste modelo como barreira natural fronte aos incendios forestais, ao contribuír a que os montes estean ben xestionados e en produción.
Durante a inauguración, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, puxo de relevo o papel das razas galegas na xestión do territorio e reafirmou o compromiso da Xunta coa súa conservación e impulso. Gómez lembrou que este ano se convocou por primeira vez unha orde de axudas á recría de gando bovino e ovino-caprino ameazado, cun orzamento de 390.000 euros, e que se asináron convenios con entidades como a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), Asoporcel, asociacións de Cabalo de Pura Raza Galega e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), cunha inversión conxunta superior a 2,5 millóns de euros ata 2027.
A titular de Medio Rural valorou a gandería extensiva como unha actividade que fixa poboación no rural, conserva a biodiversidade e xera oportunidades sostibles, ademais de subliñar o prestixio da carne de vacún galega, cuxa calidade e demanda reflicten o traballo de explotacións modernas, competitivas e respectuosas co medio ambiente. Destacou tamén o plan de pastos da Xunta, cun investimento de 10,5 millóns de euros desde 2020 e máis de 1.930 hectáreas mobilizadas, e afirmou que estas iniciativas permiten compartir experiencias e construír o futuro do sector en Galicia.
Gómez aproveitou a xornada para manifestar a postura de Galicia fronte á nova Política Agraria Común (PAC) da UE e ao acordo con Mercosur, defendendo a necesidade de protexer os intereses do sector primario e garantir que os produtos importados cumpran cos estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal esixidos na Unión Europea.