A xornada sobre xestión medioambiental do vacún de carne en Pedrafita destaca o papel clave do sector

LugoXa
O encontro, organizado por ODEGA e Unións Agrarias-UPA, reuniu a preto de 200 persoas para analizar os retos e oportunidades dun sector clave para a economía lucense
xornada-de-vacún-de-carne-de-ODEGA-e-Unións-Agrarias-Pedrafita
24 Oct 2025

A xornada Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e Unións Agrarias-UPA, celebrouse en Pedrafita do Cebreiro coa colaboración da Deputación de Lugo, que contribuíu cunha achega económica de 20.000 euros. O encontro serviu para analizar a situación actual e os desafíos de futuro dun sector esencial para a economía da provincia, reunindo a preto de 200 persoas no mercado gandeiro da localidade.

O programa incluíu unha mesa redonda titulada Análise da situación do sector cárnico de vacún e perspectivas de futuro, na que se abordaron cuestións fundamentais como a sanidade animal, o comportamento do mercado e o futuro da Política Agraria Común (PAC).

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que o apoio da institución provincial se enmarca na aposta polo sector primario, “que ten un impacto económico moi forte no PIB da nosa provincia”. Sinalou ademais que o sector do vacún de carne “conta con ideas, coñecemento e futuro”, e que o que demanda é “claridade, estabilidade e respecto polo seu traballo”.

Tomé incidiu tamén no valor social e ambiental da actividade gandeira, lembrando que “o vacún de carne non só ten un impacto económico relevante, senón tamén social e ambiental, ao contribuír a manter viva a paisaxe, co monte limpo e o territorio aproveitado”. O presidente provincial fixo un chamamento ao compromiso das administracións e do propio sector, porque, segundo dixo, “onde hai explotacións abertas, hai futuro; cando pechan, perde a comarca enteira”.

Neste sentido, avanzou que a Deputación seguirá traballando na mellora dos servizos no rural, “apoiando a actividade produtiva e defendendo a idea básica que todos compartimos: quen produce alimento debe poder vivir do seu traballo con orgullo e estabilidade”. Tomé concluíu afirmando que “o campo non precisa discursos baleiros, senón compromiso, continuidade e lealdade co territorio, e nesa tarefa non imos fallar”.

⚙ Configurar cookies
0.074000120162964