A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova organiza o segundo concerto de solistas

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova organiza o seu segundo concerto de solistas o vindeiro domingo, 23 de marzo, a partir das 19.30 horas no Círculo das Artes.
A diferenza do primeiro concerto, que se celebrou o pasado 25 de febreiro de 2024 no Círculo das Artes, e no que actuou ao piano o madrileño Adrián Sánchez Ballesteros; nesta segunda edición os solistas que tocarán son os gañadores do primeiro Concurso de Solistas da Orquestra.
Un dos gañadores, César Fouce, é percusionista, membro da orquestra e alumno do Conservatorio de Lugo; mentres que o outro vén de Salamanca, Martín Ogando, e interpretará un concerto para frauta de bico, acompañado polo Ensemble de Música Antiga da Orquestra.

O director da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, Nicolás Ravelli Barreiro, espera que acuda moita xente a desfrutar deste concerto, xa que “o primeiro concerto tivo moi boa acollida e esta segunda é para nós máis especial, xa que actúan os gañadores do concurso de solistas, que traballan moito e queremos ofrecerlle a posibilidade de tocar coa orquestra”.
Ademais, engade que “é moi bonito comezar a tradición de facer un concurso e que eles poidan tocar coa orquestra, así como tamén é bonito que os compañeiros vaian tocar acompañando a un compañeiro, entón é moi especial”,
Este concerto gratuíto para todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar del, será tamén unha forma de homenaxear á exalcaldesa Paula Alvarellos, , xa que “ela fixo moito pola orquestra”, conclúe Nicolás Ravelli.