A Xunta aborda coas entidades deportivas de Lugo medidas para reforzar o uso e o prestixio do galego no deporte

LugoXa
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, reuniuse con clubs e deportistas para recoller propostas no marco do Pacto pola Lingua
Encontro-clubes-deportivos-para-impulso-da-lingua-Lugo
29 Oct 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo un encontro con deportistas e responsables de entidades deportivas da provincia de Lugo dedicadas a disciplinas moi diversas para abordar as posibilidades de mellora no uso e prestixio do galego neste ámbito, especialmente pola súa relevancia como ferramenta de comunicación coa mocidade.

Durante a reunión, celebrada xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o responsable de Política Lingüística explicou que a xuntanza responde á vontade de escoita con todos os sectores sociais, unha liña de traballo que se mantén desde o anuncio do Pacto pola Lingua.

Neste sentido, lembrou que o ámbito deportivo está incluído nun dos bloques de traballo —o de sociedade— nos que se dividen as comisións de expertos designadas para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares fundamentais dese pacto.

Valentín García destacou que “a promoción do galego no deporte é unha das claves para fomentar a súa presenza pola cantidade de persoas que move en todos os puntos de Galicia”. Sinalou ademais que as achegas recollidas das entidades convocadas en Lugo, desde clubs de elite como o Breogán ata outros dedicados a disciplinas como a patinaxe ou a billarda, resultarán moi útiles para implementar novas medidas de impulso da lingua galega no ámbito deportivo.

⚙ Configurar cookies
0.072679996490479