A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas á compra de taxis adaptados, Eco e de emisións cero

GaliciaXa | LugoXa
A convocatoria, dotada con 500.000 euros, poderá solicitarse ata o 14 de outubro ou ata o esgotamento do crédito
Axudas-taxi-Xunta-Lugo
3 Mar 2026

A Xunta de Galicia ten aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas correspondentes a este ano para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida, coñecidos como Eurotaxi, así como vehículos de baixas emisións –Eco– ou de emisións cero.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou sobre esta nova convocatoria impulsada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, lembrando que no exercicio 2025 o programa permitiu apoiar a compra de seis taxis Eco na provincia. Arias realizou estas declaracións durante un encontro con dous profesionais beneficiarios da capital lucense.

A orde conta cun orzamento global de 500.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 14 de outubro, salvo que o crédito dispoñible se esgote con anterioridade.

O Goberno galego leva anos respaldando ao sector do taxi, que na cidade de Lugo dispón actualmente de 69 licenzas. As contías das achegas varían en función do tipo de vehículo: poden acadar ata 1.000 euros no caso de taxis de baixas emisións, 4.000 euros para vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles para persoas con mobilidade reducida.

A medida está dirixida a persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte en vigor, acreditadas mediante tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos competentes nesta materia.

Desde o ano 2016, a Administración autonómica leva investidos máis de 6 millóns de euros nestes incentivos co obxectivo de promover unha mobilidade máis accesible e sostible no ámbito do transporte público.

0.12316608428955