A Xunta aceptou incorporar unha partida de 500.000 euros para o novo Museo da Romanización de Lugo

O Grupo Parlamentario Popular aceptou incorporar nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 unha partida específica dirixida a facer efectivo o compromiso do Goberno galego de cofinanciar o novo Museo da Romanización de Lugo.
En concreto, esta partida incluirase nos orzamentos, logo dunha transacción aceptada polo Grupo Popular no debate en Comisión dos orzamentos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o vindeiro ano, pola que se reservan 500.000 euros para a realización desta obra no edificio de titularidade municipal, coñecido como Cuartel de San Fernando.
O cofinanciamento deste novo museo da Romanización, segundo o proxecto presentado polo Concello de Lugo, suporía un investimento total de entorno a 2 millóns de euros.
O presidente galego, Alfonso Rueda, cualificou esa posibilidade como un "magnífico obxectivo para Lugo e para poñer en valor a historia da cidade, amosando a súa vontade de apoio económico, complementando as achegas doutras administracións, entre as que se citaba expresamente ao Goberno de España".
Este anuncio, pola súa parte, produciuse por unha emenda presentada polo Grupo Socialista que pedía inicialmente dous millóns de euros e que foi transaccionada por medio millón, pero "aínda ten que obter o visto bo dos servizos xurídicos, dado que os cartos sairán doutra partida, o que denota a improvisación dos populares nesta iniciativa", critican os socialistas.
O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que este compromiso, "aínda que insuficiente, representa un primeiro paso para reparar a marxinación histórica que Lugo sufriu en materia de investimento cultural por parte do Partido Popular".
Así, Besteiro di que "levamos anos denunciando o desleixo do PP co patrimonio romano de Lugo e esixindo que deixen de dar as costas á nosa cidade".
Os socialistas advirten que este medio millón de euros é só un punto de partida. “Seguiremos vixiantes para que esta achega inicial non sexa un simple parche e se converta no comezo dun compromiso serio e sostido por parte da Xunta. Lugo merece máis, e imos seguir traballando para que o proxecto conte co financiamento necesario para a súa completa realización”, concluíu Besteiro.
Pola súa parte, a alcaldesa da localidade, Paula Alvarellos, salientou o traballo conxunto do Concello, o Grupo Parlamentario do PSdeG e a Plataforma Muro, que levaron esta demanda de toda a cidade ata o debate de Orzamentos para o próximo ano.
Subliñou que se trata dun “primeiro paso que agardamos que teña continuidade no tempo xa que o custe do Museo pasará dos doce millóns de euros tal e como se anunciou no seu momento. O importante para nós e que poidamos ver finalmente ese Museo da Romanización tan demandado por tódolos lugueses e luguesas", dixo. Hoxe, o Museo, sinalaron os socialistas, “está máis preto de ser unha realidade".