A Xunta achega 30.000 euros para unha Escola do Maior na parroquia de Carballido
A Consellería de Política Social e Xuventude achega 30.000 euros para o desenvolvemento dunha Escola do Maior na parroquia de Carballido, na Fonsagrada, un recurso pioneiro orientado á prevención da situación de dependencia e á promoción da autonomía persoal mantendo a conexión e relación coa contorna.
A escola sitúase no antigo colexio de Carballido, unha parroquia que suma 18 núcleos de poboación e conta actualmente con 200 habitantes aproximadamente, se ben gran parte deles non residen nin traballan alí de xeito habitual; máis da metade superan os 60 anos de idade.
A Xunta asinou un convenio de colaboración coa entidade promotora, a Asociación de Carballido de Servicios Sociales (Acarserso), para contribuír ao financiamento dos gastos derivados da execución durante o exercicio 2022 deste proxecto piloto.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro cos responsables da asociación para coñecer os detalles da proposta, que está organizada e estruturada simulando o ámbito educativo. Ten un carácter integrador, preventivo e asistencial, co obxectivo de atrasar ou evitar a institucionalización dos usuarios, procurando que poidan continuar na súa residencia habitual e socializar con outras persoas coa axuda e atención que lles prestan.
A escola proporá distintas actividades de estimulación psicomotora e cognitiva, como musicoterapia, xogos, manualidades, xardinaría, conferencias sobre a saúde ou mesmo excursións. Deste xeito, non só contribúe á atención e prevención da dependencia senón que mellora a calidade de vida dos usuarios en xeral e evita o illamento social.
Arias sinalou que a Xunta apoia a extensión de servizos de proximidade “que creen oportunidades en todo o territorio, e moi especialmente en áreas con claro declive demográfico e con altas taxas de envellecemento e dispersión”.