A Xunta actualiza o proxecto para a mellora da rúa Serra de Meira

LugoXa
Traballarán entre a ponte Paradai e rúa Adolfo Suárez, unha actuación que se enmarca no conxunto de intervencións do Plan Paradai
serra-de-meira-lugo
26 Jan 2025

A Xunta vai abordar a redacción da actualización do proxecto de execución da mellora da rúa Serra de Meira entre a ponte Paradai e a rúa Adolfo Suárez en Lugo, unha actuación que se enmarca no conxunto de intervencións do Plan Paradai, e na que non podía avanzar polos problemas para compatibilizar as previsións de deseño do PXOM e os requisitos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A Axencia Galega de Infraestruturas acaba de encargar a redacción desta actualización proxecto, que se espera que estea elaborado a mediados deste ano, e prevese un investimento de máis de 600.000 euros.

A xestión do anterior proxecto non podía avanzar pola actuación de mellora do río Rato, situado nas inmediacións, prevista pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Trala comunicación por parte do Concello da execución desta obra, e entendendo que agora é posible a redacción dun proxecto que desenvolva as previsións do PXOM e sexa autorizado pola Confederación Hidrográfica, a Xunta pode encargar esta actualización do proxecto de Serra de Meira.

Para poder materializar a actuación será necesaria a sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello de Lugo, xa que se mellorará un viario de titularidade municipal e, unha vez finalizada a obra, a infraestrutura pasará a ser de titularidade do Concello.

0.14714503288269