A Xunta adapta o proxecto da residencia das Gándaras para reforzar a privacidade nas habitacións

O Goberno galego xa modificou oficialmente o proxecto de remodelación da residencia de maiores das Gándaras para introducir cambios na configuración das habitacións dobres. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse ao centro para entregar o documento actualizado, que quedará a disposición tanto das persoas usuarias como do persoal.
Segundo explicou, nas últimas semanas a Administración autonómica traballou de maneira coordinada co equipo redactor do proxecto co obxectivo de atopar a mellor alternativa técnica que permitise, mediante axustes puntuais, asegurar a intimidade nos cuartos compartidos, principal inquedanza manifestada polos residentes.
Como resultado dese labor conxunto, optouse pola proposta que o propio delegado presentara días atrás aos usuarios do centro. A solución pasa por manter unha separación definida entre as camas, similar á existente na actualidade, co fin de preservar a privacidade e o benestar das persoas maiores e das súas familias. O novo deseño, que xa foi incorporado formalmente ao proxecto, garante a intimidade e, ao tempo, cumpre cos requisitos establecidos pola normativa estatal en materia de seguridade e accesibilidade.
A actuación conta cun investimento global de 8 millóns de euros e ten como finalidade adaptar a residencia á lexislación vixente, mellorar as condicións de seguridade e incrementar o confort das persoas residentes. Ademais da reorganización das habitacións, a intervención inclúe a ampliación de espazos comúns, como corredores e salas polivalentes, así como a habilitación dun comedor en cada unha das plantas de habitacións —da cuarta á oitava—, de xeito que cada andar poida funcionar cun maior grao de autonomía.
Arias salientou que, unha vez executadas as obras, a residencia das Gándaras ofrecerá máis seguridade e comodidade tanto ás persoas usuarias como ao cadro de persoal, consolidándose como un centro de referencia na atención e coidado das persoas maiores.