A Xunta adxudica a obra da unidade de Neurorradioloxía do HULA
As obras construtivas previas á implantación da unidade de Neurorradioloxía no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo foron adxudicadas pola Xunta de Galicia en 813.450 euros . O contrato reduciu en dúas semanas o prazo inicial de execución dos traballos, polo que as obras levaranse a cabo en tres meses e medio.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o servizo de Radioloxía do Hula, onde estará a nova dotación, xunto ao director asistencial da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Rafael Monte, entre outras autoridades e traballadores do servizo.
Neste encontro, Arias Fouz, sinalou que “estas obras permitirán diferenciar dúas áreas, unha asistencial e outra técnica, para a unidade de Neurorradioloxía, ademais de acoller os novos equipamentos que permitirán tratar na provincia patoloxías que ata o momento se derivaban a outros centros sanitarios, como a realización de trombectomías na fase agua do ictus”.
A adaptación das salas de Neurorradioloxía que incorporará os novos equipos de radioloxía intervencionista, xa licitados, é “un paso máis na consecución da unidade do ictus para Lugo. Levamos moito tempo traballando neste obxectivo e proba do compromiso da Xunta de Galicia é que todas as actuacións levadas a cabo ata de agora, permitirán ao goberno galego destinar un investimento de máis de 2M€ para que no 2023 este servizo sexa unha realidade”.
O obxectivo principal desta obra, consiste, segundo explicou o delegado territorial, “en crear dúas áreas diferenciadas, unha asistencial, máis próxima á unidade de hospitalización, que disporá de zona de recuperación, de preparación de persoas ingresadas ou vestiarios para pacientes ambulatorios, entre outras. A outra área se destinará a despachos, zona de traballo médico ou sala de informes, complementaria á zona asistencial, que se desenvolverá nunha segunda fase”. As obras afectarán a unha superficie de case 340m2 da primeira planta do Hula, na área de Radioloxía.