A Xunta amplía o orzamento para as axudas de compensación por lucro cesante na reposición de gando

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Estas axudas están destinadas a aquelas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún nas que se teña levado a cabo o sacrificio de animais por erradicación de enfermidades
vacas-tenreira-galega
15 Out 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde mediante a cal se amplía a dotación orzamentaria para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante e á reposición de gando. Neste sentido, esta liña de achegas conta cun montante total de 175.000 euros, un 40 % máis con respecto ao orzamento inicial, co fin de poder tramitar todas as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos.

Estas achegas están destinadas a aquelas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún rexistradas en Galicia nas que, por indicación da autoridade competente, se teña levado a cabo o sacrificio obrigatorio de animais durante a execución de programas ou actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades como a tuberculose, a brucelose ou a lingua azul, entre outras.

Por tanto, teñen por obxecto compensar as perdas ocasionadas como consecuencia do sacrificio obrigatorio dos seus animais, principalmente no marco dos programas sanitarios nacionais de erradicación de enfermidades que son de obrigatorio cumprimento. Neste sentido, veñen a complementar ás indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais, de tal xeito que se asegure a viabilidade das explotacións nas que se presentan estas doenzas.

As axudas complementarias por lucro cesante están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario (sacrificio de todo o gando), subvencionándose, en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas, tanto o período de corentena (dende o sacrificio ata que a Consellería do Medio Rural autoriza a incorporación de novos animais), como os tres meses posteriores, no caso de que o gandeiro non repoña nese tempo o gando. Mentres tanto, as axudas á reposición están destinadas á compra de animais para repoñer aqueles que se sacrificaran por resolución da Consellería, en aplicación dos programas oficiais.

Poden ser beneficiarias destas axudas todas aquelas persoas (físicas e xurídicas) e as entidades que sexan titulares das explotacións afectadas. A intensidade das axudas é do 100 % dos custos subvencionables e teñen un claro efecto incentivador por permitir o desenvolvemento económico das explotacións bovinas, ovinas e cabrúas afectadas por enfermidades. Cómpre lembrar que o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 29 de novembro de 2024.

Ligazón á orde no DOG.

0.19102811813354