A Xunta anuncia que acometerá obras na sede dos Xulgados de Lugo por máis de 40.000 euros

LugoXa
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo un encontro con Olalla Díaz, á que felicitou pola súa recente reelección como xuíza decana de Lugo
Xunta-Xulgados-de-Lugo
31 Oct 2024

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acometerá obras na sede dos Xulgados de Lugo para mellorar a accesibilidade e a iluminación, aos que destina un investimento de 42.400 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo un encontro con Olalla Díaz, á que felicitou pola súa recente reelección como xuíza decana de Lugo. Destacou “o respaldo unánime” que obtivo a súa candidatura, avalada polo traballo realizado nos últimos anos, e ofreceu “a colaboración da Xunta para seguir avanzando na mellora das infraestruturas, dotacións e equipamento dos órganos xudiciais”.

No que respecta ás actuacións que se iniciarán nos vindeiros días, comprenden a instalación dunha nova porta de entrada dotada dun sistema de tarxetas para a apertura e control de accesos, o que reforzará a seguridade nos horarios nos que o edificio permanece pechado ao público.

Igualmente, vanse substituír as luminarias das nove salas de vistas, instalando preto dun cento de paneis LED que proporcionarán máis luminosidade e cun menor gasto no consumo enerxético. Estas obras contratáronse cunha empresa de inserción social para favorecer o traballo de persoas con difícil acceso ao mercado laboral.

Por último, incorporaranse dúas ramplas para garantir a accesibilidade aos estrados; unha estará fixa na sala de vistas número 1 -a de maior tamaño- e a outra será móbil para poder utilizala en calquera das outras salas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20332598686218