A Xunta anuncia que destinará 150.000 euros á reparación dos danos na Muralla Romana de Lugo

O Goberno galego destinará 150.000 euros á recuperación e reconstrucción dos danos provocados polas intensas chuvias na Muralla Romana de Lugo, segundo anunciou o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, durante unha visita ás obras na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. As actuacións céntranse no tramo comprendido entre as portas do Carme e de Santiago, estendéndose ata 12 metros para actuar tamén en parte do cubo XVI.
Miramontes destacou que a Xunta “actuou de inmediato e de urxencia” tras o incidente, que afectou ao lenzo interior da muralla na altura da rúa do Moucho. Explicou que o desprazamento do muro produciuse ao non poder soportar o empuxe da auga acumulada, en ausencia dun sistema eficaz de drenaxe, e que esta zona non forma parte do trazado orixinal, senón dunha reconstrución realizada nos anos vinte do século pasado.
Os traballos iniciados o pasado luns, 9 de febreiro, centráronse na retirada de materiais, limpeza da zona e análise da estabilidade das áreas limítrofes, contando con información constante do resto do perímetro a través do Plan Director. Nas próximas fases executarase o recheo de terra interior, construción de novos muros con lousa e morteiro de cal, levantamento de muros de mampostería e acabado do adarve, empregando a pedra extraída do desmontado.
O director xeral de Patrimonio subliñou que a Xunta acometerá “todas as actuacións e investimentos necesarios” para preservar un dos patrimonios máis icónicos de Galicia, lembrando que desde a declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade en 2000, a Administración autonómica destinou máis de 10 millóns de euros en 60 actuacións. Ademais, recordou que a muralla xa rexistrou derrubamentos por choivas en ocasións anteriores, como nas inmediacións do hospital de Santa María pouco despois do recoñecemento internacional pola Unesco.