A Xunta aproba os decretos para iniciar a concentración parcelaria en Friol e Castro

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta declara 3 novas zonas de concentración parcelaria nos concellos de Ordes, Friol e Castro de Rei que beneficiarán a 891 propietarios.
vista abadin monte
30 Abr 2021

O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa xuntanza semanal tres decretos da Consellería do Medio Rural polo que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de San Xoán de Seoane de Pregación, no concello lugués de Friol; de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei, e de San Xulián de Poulo, no concello coruñés de Ordes. Deste xeito, mediante a reestruturación global dunhas 1.780 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados 891 propietarios.

Así, trátase de tres novos decretos de concentración parcelaria que se declaran mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), a cal busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Neste senso, cabe sinalar que os tres procesos foron solicitados polos respectivos concellos, os tres eminentemente gandeiros, e, no caso dos dous da provincia de Lugo, tamén foron apoiados polos titulares das explotacións da zona. No caso da parroquia de Friol, hai un total de 12 explotacións, mentres que na de Castro de Rei son seis, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.

Ademais destes tres novos procesos, cabe lembrar que o pasado mes de marzo foron decretadas outras dúas parcelarias no concello lugués de Outeiro de Rei, que beneficiarán a 833 propietarios de catro parroquias e comprenden unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas.

Precisamente, cabe sinalar que por cada proceso finalizado (con títulos de propiedade entregados aos veciños), a Xunta decretará unha nova zona de concentración parcelaria para loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións. Neste senso, cabe sinalar que a Xunta decretará no prazo dun ano outros 23 procesos.

Lei de recuperación

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, desde o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de reestruturación máis de 118 millóns de euros desde o ano 2009. O orzamento previsto para este 2021 é de máis de 12 millóns de euros.

Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Así, na nova lei, apostarase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, mellorarase a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

Procesos entregados recentemente

Entre o ano 2020 e o primeiro cuadrimestre deste 2021, a Xunta entregou arredor de 9.500 títulos de propiedade de 12 concentracións parcelarias, desta forma, beneficiáronse case 3.750 veciños do rural galego, e mañá entregaranse os títulos de propiedade doutro proceso no concello coruñés de Melide.

Ademais, previsiblemente, entregaranse os títulos doutras 19 zonas de concentración parcelaria rematadas administrativamente no que resta de 2021 e no primeiro cuadrimestre de 2022.

0.18374490737915