A Xunta asegura que garantirá a intimidade nas habitacións tras a reforma da residencia das Gándaras

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro cos usuarios da residencia de maiores das Gándaras para informalos sobre o avance das obras de reforma do centro e explicarlles os axustes introducidos no proxecto co obxectivo de garantir a intimidade nas habitacións compartidas.
Segundo trasladou, unha vez constatado que a principal preocupación dos residentes era a privacidade e a separación entre camas prevista no deseño inicial, a Administración autonómica iniciou un traballo conxunto cos arquitectos da empresa adxudicataria para estudar posibles modificacións que permitisen asegurar esa intimidade sen alterar de maneira substancial o proxecto.
Como resultado desa colaboración entre a Consellería de Política Social, a Delegación Territorial e a empresa responsable das obras, optouse por unha alternativa que mantén unha separación clara entre camas, similar á existente na actualidade, garantindo así o benestar tanto das persoas usuarias como das súas familias.
Arias explicou que a solución adoptada cumpre cos estándares da normativa estatal en materia de seguridade e accesibilidade, un dos eixos da reforma, e confirmou que se mantén o investimento previsto, próximo aos 8 millóns de euros. O representante autonómico defendeu que a prioridade da Xunta é o benestar dos residentes e criticou as polémicas que, ao seu xuízo, se xeraron a partir de informacións incorrectas.
No que atinxe á distribución dos espazos, detallou que tras a reforma todas as habitacións serán máis amplas, con especial incidencia nos baños, e aclarou que en ningún momento se contemplou reducir o número de cuartos individuais. Pola contra, sumarase dous en cada planta, pasando das 30 actuais a un total de 40 habitacións individuais. Así, aumentará a oferta deste tipo de espazos e, nas habitacións dobres, quedará asegurada a intimidade que demandaban os usuarios.
A actuación inclúe tamén a ampliación das zonas comúns, como corredores e salas polivalentes, e a creación dun comedor en cada unha das plantas con habitacións, desde a cuarta ata a oitava. Esta reorganización permitirá que cada andar funcione de maneira independente, favorecendo unha atención máis personalizada e facilitando os coidados, especialmente no caso das persoas con maior grao de dependencia.
O delegado subliñou que a reforma supón un paso máis cara ao novo modelo de coidados impulsado pola Xunta en Galicia, baseado na humanización dos espazos e na súa adaptación para ofrecer contornas máis persoais. Neste contexto, lembrou outras actuacións en marcha na cidade, como a reforma integral da residencia da Milagrosa, cun investimento de 1,7 millóns de euros, e a incorporación á rede pública autonómica das 120 prazas do centro construído no barrio da Residencia pola Fundación Amancio Ortega. Segundo indicou, o obxectivo é seguir ampliando e mellorando a oferta de prazas públicas para dar resposta ás necesidades da cidadanía.