A Xunta autoriza as obras da Acea de Olga á CHMS dous días despois de rescindir esta o contrato
A Xunta de Galicia emitiu informe ambiental sobre o proxecto de obras de reparación e permeabilización lonxitudinal da presa de Acea de Olga no río Miño, dous días depois da rescisión do contrato por parte da CHMS alegando que o fixo antes de que rematase o prazo legalmente correspondente.
Segundo o informe ambiental emitido Subdirección Xeral de Espazos Naturais, non é previsible que o proxecto xenere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garante o cumprimento das condicións establecidas no devandito informe.
Así, respecto á traslocación de exemplares de Unio delphinus e Potomida littoralis - incluídos no Catálogo galego de especies amenazadas-, deberase levar a cabo de acordo coas condicións establecidas por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na autorización que xa foi remitida hoxe mesmo á empresa responsable de levar a cabo a actuación.
Nesa liña, a autorización, que terá vixencia ata o vindeiro 30 de setembro, incide na obrigatoriedade de presentar tanto un cronograma como unha previsión diaria do número de exemplares a recoller, trasladar e reinstalar, que deberán ser comunicados ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural con anterioridade ao inicio da actuación para a súa validación. Calquera variación nesa planificación tamén deberá ser trasladada ao devandito departamento autonómico.
A maiores, deberase levar a cabo un seguimento da poboación durante un período de 5 anos, polo que a empresa responsable deberá realizar unha marcaxe de, como mínimo, o 50% dos exemplares trasladados para avaliar a súa evolución.
Cómpre salientar que, ademais de emitir tanto o informe ambiental como a autorización para o traslado de náiades dentro do prazo correspondente, a Xunta fíxoo de forma simultánea co obxectivo de axilizar, na medida do posible, o procedemento.
A CONFEDERACIÓN
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) veuse na obriga de suspender as obras unha vez máis porque seguía á espera do informe da Xunta de Galicia para o traslado das especies de náyades situadas no río Miño na zona onde se desenvolvesen as obras de restauración do represa de Acea de Olga.
“Un ano máis o “bloqueo” da Xunta de Galicia impídenos executar unha obra tan importante e necesaria para este tramo lucense do Miño”, indicou Quiroga. “Estamos decepcionados e descoñecemos a que obedece esta falta de resposta, tendo en conta que a conselleira, en declaracións aos medios efectuadas o pasado 11 de xullo, indicou que o traslado sería autorizado xa que se trata dunha de colonia de apenas 2.000 exemplares” engadiu o presidente.
“Na solicitude efectuada o pasado mes de maio, facíase especial fincapé en que o prazo de execución era de 3 meses desde a autorización e en que só se podería traballar en época de estiaxe” engadiu Quiroga
“Estamos ante unha actuación estratéxica para este Organismo xa que resolve un problema de protección e recuperación de patrimonio cultural protexido, ademais de garantir a permeabilidade lonxitudinal do río para a ictiofauna e a mellora do estado da masa de auga” matizou Quiroga
“Vémonos obrigados a suspender as obras novamente o que implica un importante risco de deterioración deste importante elemento patrimonial nos meses de intenso caudal, co consecuente gasto adicional que conleva o repetir estudos e prospeccións o próximo ano” incidiu o presidente.
“Tal e como anunciamos, a CHMS restaurará e cederá o Muiño de Olga á Universidade co interese de divulgar o valor das infraestruturas fluviais tradicionais situadas na parte lucense da demarcación do Miño-Sil, sendo imprescindible o arranxo da acea como elemento crave deste importante conxunto patrimonial” explicou Quiroga
Ademais, a recuperación desta infraestrutura garantiría unha lámina de auga estable que permitirá a práctica de actividades de piragüismo e remo nunhas condicións adecuadas e seguras, para este tramo do río Miño, augas arriba da Acea de Olga.
Por ultimo e moi importante, indicar que o ZEC Parga, Támoga, Ladra da Rede Natura 2000 esténdese cara a augas arriba do tramo do río Miño influenciado pola existencia do represa, e a Directiva Marco da auga establece a obrigación de alcanzar ou manter o bo estado das masas de auga. Por iso, estímase que para mellorar a conservación dos ecosistemas do devandito espazo fluvial protexido e garantir o bo estado da masa de auga, resulta conveniente mellorar a conectividade lonxitudinal o río. “Descoñecemos as razóns da Consellería de Medio Ambiente para paralizar unha obra tan importante e necesaria neste tramo lucense do Miño” concluíu Quiroga.