A Xunta autoriza o acondicionamento dunha nave como industria láctea en Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
As obras transformarán unhas instalacións de máis de 4.030 m2 nunha fábrica de produtos lácteos que estará operativa no polígono de Castro de Ribeiras de Lea
poligono-castro-ribeiras-de-lea
9 Sep 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para o acondicionamento dunha nave existente como industria láctea de produción de queixos procesados no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei. O proxecto autorizado está supeditado ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución do informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No devandito estudo, resólvese que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.

Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos; integración paisaxística ou protección da fauna e da vexetación, entre outros.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, tamén foi remitida a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias-.

O proxecto para a transformación dunhas instalacións existentes nunha fábrica de produción de queixos procesados localízase nunha parcela de 4.863 m2, na parroquia de Castro Ribeiras de Lea, no municipio lucense de Castro de Rei. O edificio existente é unha nave industrial con estrutura metálica de 4.032,04 m2,, de planta rectangular de 75 m de ancho e 52 m de largo e unha altura de 10 m. As obras a realizar organizará a nave en dúas alturas que acollerán 3.702,16 m2 de uso industrial e 329,88 m2 para uso administrativo.

A nova instalación, promovida por Dairy Food Spain, SL, encargarse da fabricación de produtos lácteos como queixo en crema, queixo fundido en distintos formatos e proteína MPC80. A capacidade máxima teórica de produción, tendo en conta o funcionamento simultáneo de todas as liñas, estímase en 99,315 t/día e 36.250 t/ano.

Agora a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.

⚙ Configurar cookies
0.14452981948853