A Xunta avala ambientalmente o plan para 1.200 vivendas protexidas en Sagrado Corazón

A Xunta de Galicia vén de outorgar a autorización ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico do sector 5.R do Barrio Sagrado Corazón en Lugo, unha actuación coa que o Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé habilitar solo urbanizable para levantar 1.200 vivendas en réxime de protección pública.
Segundo o informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia, non se identifican impactos ambientais negativos de relevancia, aínda que se impoñen unha serie de condicións para favorecer a integración paisaxística deste novo desenvolvemento urbano.
O documento forma parte do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada e foi sometido ao criterio de organismos institucionais e á consulta pública a través do portal da Consellería, onde calquera persoa puido revisar os materiais e presentar observacións. Superado este trámite, o informe será remitido ao promotor e ao órgano competente, ademais de difundirse oficialmente tanto no DOG como na web autonómica.
A actuación abrangue máis de 12 hectáreas situadas entre o Sagrado Corazón e as Gándaras, unha área actualmente sen edificar e composta por parcelas tradicionais en estado natural. O plan contempla que o 80 % das 1.200 vivendas previstas sexan protexidas, ademais de incorporar espazos comerciais, zonas verdes e áreas libres. Tamén se deseña unha nova rede viaria que atenderá tanto ao tráfico rodado como aos peóns e ás bicicletas, xunto cunha oferta de máis de 1.400 prazas de aparcamento para atender a futura demanda residencial.