A Xunta avanza no plan de reestruturación parcelaria de Guilfrei, en Becerreá

LugoXa
O proxecto prevé a ordenación de 447 hectáreas e a creación dunha rede de camiños de 20 quilómetros para mellorar o aproveitamento agrario da zona
reestruturación-parcelaria-de-Guilfrei-Becerreá
17 Oct 2025

A Xunta de Galicia continúa avanzando nos traballos de elaboración das bases e do plan de ordenación dos predios con especial vocación agraria na zona de reestruturación parcelaria de Guilfrei, en Becerreá.

Con este obxectivo, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado pola directora territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, e persoal técnico do departamento, reuniuse hoxe coa veciñanza e cos representantes municipais para explicarlles a proposta do plan e os primeiros trazos da futura rede de camiños, que contará cunha lonxitude aproximada de 20 quilómetros.

Durante o encontro, Arias destacou que o propósito principal é dar a coñecer as liñas xerais do proxecto, recoller as suxestións da veciñanza e valorar a súa posible incorporación ao documento final, que posteriormente será sometido a exposición pública para garantir a participación de todos os implicados.

A actuación conta cun investimento estimado de 1,3 millóns de euros e abrangue unha superficie total de 447 hectáreas, distribuída en 1.719 parcelas pertencentes a 111 propietarios. A Xunta subliña que este proceso permitirá mellorar a ordenación e o rendemento das explotacións agrarias da zona, ao tempo que facilitará o acceso e a mobilidade mediante a nova rede viaria planificada.

⚙ Configurar cookies
0.070808172225952