A Xunta cede un novo local a Alucem para ampliar a súa actividade asistencial en Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión de traballo con membros da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (Alucem), na que analizaron as novas necesidades que xorden do crecemento da entidade, que atende a persoas con esclerose múltiple e outras enfermidades afíns en Lugo e a súa contorna.
Actualmente, Alucem ocupa un espazo de apenas 12 metros cadrados no parque de Frigsa, unha superficie que resulta insuficiente para o desenvolvemento das súas actividades. Para dar resposta a esta situación, a Xunta facilitaralles un novo local de 50 metros cadrados na rúa Alfredo Brañas, no barrio do Castiñeiro. Este inmoble será reformado con cargo aos fondos do 0,7 % do IRPF e conta coa posibilidade de ampliacións futuras se fose necesario.
Javier Arias salientou que a Xunta continúa apoiando o tecido asociativo da provincia e, neste caso, atende ás demandas de Alucem cun espazo máis amplo “que permitirá á entidade continuar co importante labor que realiza para mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple e das súas familias”. O delegado destacou tamén a localización do novo local, que reforza a aposta do Goberno galego por dotar de servizos o barrio do Castiñeiro.
Arias lembrou ademais que a Administración autonómica xa colabora habitualmente con Alucem mediante distintas liñas de axudas a entidades sociais. Entre outras actuacións, a asociación recibiu unha subvención para a contratación dun técnico de comunicación a través do Programa Coopera, e este ano mantén en funcionamento o seu programa de atención integral grazas ao cofinanciamento da Xunta, tamén a través do 0,7 % do IRPF.
O servizo de atención integral inclúe obradoiros de memoria, terapia psicosocial individual, apoio en traballo social e tratamentos de fisioterapia rehabilitadora. Alucem, fundada no ano 1996 por persoas afectadas por esclerose múltiple en Lugo, conta hoxe con máis de 100 persoas asociadas e atende a usuarios de 13 concellos. Nas súas instalacións imparten anualmente máis de 2.000 sesións de fisioterapia e atención psicolóxica, ademais de organizar eventos e accións de sensibilización.