A Xunta cede un terreo en San Pedro de Labio para actividades sociais da veciñanza

LugoXa
O espazo, duns 3.800 metros cadrados, conta cunha edificación construída pola asociación veciñal e destinarase á celebración de eventos de interese comunitario
Comunidade-de-Montes-de-Labio-Xunta-Lugo
15 Jul 2025

A Xunta de Galicia facilitará un terreo situado en San Pedro de Labio, no municipio de Lugo, para que poida ser utilizado pola veciñanza na organización de diferentes actividades de carácter social. A proposta partiu da Comunidade de Montes da parroquia, que solicitou formalmente esta cesión para aproveitar o espazo en beneficio do conxunto da comunidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Paz Rodríguez, mantiveron un encontro cos representantes da mancomunidade, entre eles o presidente José Mouriz, a secretaria Elena Rancaño e o tesoureiro José Luis Armendariz, para formalizar o acordo de cesión gratuíta da parcela.

O terreo conta cunha superficie aproximada de 3.800 metros cadrados e inclúe unha edificación realizada pola asociación veciñal a finais da década dos sesenta, así como unha zona habilitada como campo da festa, onde xa se viñan desenvolvendo reunións e celebracións locais.

A finca é de carácter rústico e pasou a formar parte do patrimonio da Xunta de Galicia tras o proceso de concentración parcelaria de San Pedro de Labio. Actualmente está integrada no Banco de Terras de Galicia, unha ferramenta que permite, segundo a súa normativa, efectuar cesións temporais de terreos para usos de interese social ou ambiental, sempre que non se altere a súa natureza rústica.

Desde o Goberno galego destacaron que esta iniciativa forma parte das accións de colaboración con entidades sociais e veciñais de toda a provincia, co obxectivo de apoiar a organización de actividades que contribúan a dinamizar a vida nas parroquias e mellorar a calidade de vida da cidadanía, especialmente no ámbito rural.

⚙ Configurar cookies
0.1751070022583